domingo, 12 de junio de 2011

A lúa colga dun fío máis alá das estrelas

12.06.2011 Galicia Hoxe
OQO editora presenta un feixe de novidades perfectas. Pingas de auga transparentes nas que se poden apreciar o labor de mans vellas e sabias: ‘Nimbo’, ‘O galo traganoces’, ‘Maxia!’ e ‘As aventuras de Osiño’
ROMINA BAL
Botarlles gran de millo aos polos, tocar unha galiña, recoller os ovos coa avoa á tardiña, mirar para os cabalos e acariñar as súas suaves crinas, ver vacas pacendo no verde prado ou ollar os esquíos saltar dun piñeiro ao outro. O contacto coa natureza debía ser obrigado para todos os meniños da nosa contorna.
Antes, como case todos os pequenos tiñamos avós que vivían do gando, era do máis cotián andar tras deles ou enredar collendo as crías das ras. Agora hai nenos que o animal máis próximo que coñecen é un can ou un gato, por iso cómpre ensinárllelos, sobre o papel e de preto, para que cando medren os respecten e gocen da súa presenza.

OQO presenta un monllo de novidades tenras que inclúen animais e falan de agarimo empregando as palabras precisas. A maxia chega ás librerías enchida de pingas de luz e sorrisos dourados. 

O galo traganoces, de Roberto Mezquita e Bernardo Carvalho, é a historia dun galo e dunha galiña e de moitos, moitos máis! Un día, o galo e a galiña saíron da granxa dispostos a coñecer mundo. Corricaron por aquí e petiscaron por alá ata que tropezaron cunha nogueira grande e frondosa. Como o galo devecía polas noces, comeu tantas e tan á présa que se lle atrancaron na gorxa. Deste xeito, comeza o periplo desesperado da galiña para salvar o seu querido amigo comellón. Nesta empresa veranse implicados unha granxeira, un zapateiro, unha ovella, un ferreiro e mesmo un carballo! Todos eles non dubidan en prestar a súa axuda. Rápidos colaboran nun traballo en equipo onde, a pesar das dificultades encadeadas, acaba triunfando a boa vontade e a solidariedade. Un magnífico conto ideal para que compartan, para que se axuden, para que sexan persoas con valores e para que esquezan o individualismo feroz que o envolve todo.

A segunda proposta das novidades de OQO é poesía feita conto. Deixar voar as persoas que queres, aqueles que forman case parte do teu ser, é unha lección de xenerosidade, de amor infinito. Este volume é deses especiais porque cada palabra que escolle é unha doa dun fermoso colar. A cada corda que Zimbo cortaba, o Monicrequeiro notaba como se rompían os fíos que tensaban a súa alma. Hai lazos que se deben romper para que outros como os que constrúe o afecto non rompan nunca. Esta historia emotiva tanto na prosa lírica de Arturo Abad como nas evocadoras ilustracións de Joanna Concejo mergúllase no doloroso que resulta deixar marchar as persoas que un quere. Irse e deixar ir nada ten que ver con deixar de querer. Arturo Abad sitúa o lector a ambos os lados do espello e ofrece unha visión ecuánime da situación. Deste xeito, conmove por igual, tanto coa tristeza que lle xera ao boneco de cedro Zimbo a falta de liberdade, como coa aflición que lle provoca ao Monicrequeiro a marcha de quen estima como un fillo e que desexaría que permanecese sempre ao seu carón.

De súpeto, o bebé botouse a chorar. Óscar arrolouno, colleuno no colo… pero non acougaba. Cantoulle un arrolo, paseouno pola casa. Maxia! é a terceira e orixinal proposta que hoxe presentamos de OQO… O de arrolalo e pasealo non serviu para nada! Entón Óscar pensou: Este bebé ten fame… Buscou pola cociña, pero a neveira estaba baleira. Este conto de Charo Pita e Madalena Matoso incide na normalización da lactación que aparece contextualizada como parte intrínseca da vida dos nenos, das súas familias e da sociedade. A mirada inocente do pequeno protagonista lémbranos a maxia que existe en moitas manifestacións da vida –como a posibilidade de aleitar– e das que os adultos non somos plenamente conscientes por habituais. E, mirando a compra con curiosidade, pensou: Que traerá para que coma o bebé? Tía Elisa deixou as bolsas, sentou no sofá e colleu o bebé, que non paraba de chorar. Despois desabotoou a blusa. Entón, o bebé quedou calado e empezou a comer. MAXIA! –dixo o avó.Os nenos viven nun eterno presente. Resúltalles difícil situarse nun futuro que vaia máis aló do mañá e o pasado limítase a onte. Por iso, é fácil comprender que Óscar recorra aos produtos que forman parte da súa alimentación actual (pasteis, cenorias, ovos, sardiñas, xamón). Un conto ideal para aqueles que vaian ter un irmanciño ou para simplemente divertírense un anaco.

Por último, imos falar de d‘As aventuras de Osiño. Unha historia marabillosa que nos trae Helga Bansch e que fala dun osiño que non se conforma con pasar o inverno na cova. Cun grande amigo que prefire ir cara á aventura e dar o paso para gozar da vida na súa plenitude. Aquel home chegaba no mellor momento, porque Osiño non tiña ningunhas ganas de quedar na súa cova todo o inverno. Osiño, moi contento, exclamou:  –Marcho na procura de aventuras! E foise co músico. Osiño emprende ilusionado e cheo de expectativas esta aventura que non se trata só dun percorrido espazo-temporal, senón, principalmente, vital. As aventuras de Osiño son unha metáfora da vida, como adoita suceder cos relatos de viaxes. Ao longo de todo un ano, o protagonista –e con el, o lector– coñecerá diferentes lugares, descubrirá e afianzará o seu potencial e particular talento, fará novos amigos e, ante todo, cumprirá o seu soño: coñecer o mar. Este periplo está cheo de encontros e tamén de desencontros, como a vida mesma, aínda que non amargos: o músico quería ir cara ao norte e Osiño ao sur, cara ao mar, claro! Como non se puxeron de acordo, nunha encrucillada despedíronse e cada un marchou polo seu lado. Ah e o final depara unha sorpresa que de seguro che gustará. Corre, e desta vez faime caso, por que todos teñen algo de especial, esas palabras doces e axeitadas que espertarán en ti un sorriso enorme!

domingo, 5 de junio de 2011

Bilbao- New York- Bilbao, de Kirmen Uribe

Esta novela, publicada por Xerais, obtivo o Premio Nacional de Narrativa 2009. A tradución foi realizada directamente do éuscaro por Isaac Xubín. Un voo entre o aeroporto de Bilbao e Nova York serve de marco para que o autor reflexione sobre o proceso de escritura dunha novela e contar a historia de tres xeracións da súa familia: a dos anos vinte, a franquista e a actual. A nostalxia pola perda da vida mariñeira tradicional na vila de Ondárroa e outra das constantes da narración.

Kirmen Uribe consegue crear unha obra moi particular, moi orixinal, ao tempo que nos fai gozar dunha lectura áxil e suxerente. Realidade e ficción mistúranse con naturalidade, como pezas dun puzzle que encaixan a perfección, amosando a habilidade do autor para crear unha engaiolante prosa poética. Ao final, o único que podemos reprocharlle é que sexa tan curta.