martes, 17 de mayo de 2011

Todo é silencio, de Manuel Rivas


NA NOSA BIBLIOTECA
“…Está máis bonita calada. Ela non sabe para que serve a boca. Para calar.”
Esta é a última novela de Manuel Rivas, ao que xa podemos considerar un clásico da literatura galega. Ademais de gustarme como escritor aparecio tamén o seu compromiso, el móllase, desde o Xurelo a Nunca Máis, ou a defensa da lingua, sempre está aí. Acostumaba a gozar máis cos seus contos que cas súas novelas, pero teño que dicir que con Todo é silencio acada o nivel dos seus contos. De xeito que sendo unha novela redonda, non perfecta, podemos contemplala como unha sucesión de narracións breves, á maneira das escenas cinematográficas. A narrativa de Rivas é claramente identificable desde as primeiras páxinas, sucedéndose unha serie de presenzas amables e retranqueiras que forman parte do universo do autor.

A historia do paso do contrabando á cocaína relátase a través de catro ou cinco personaxes principais que medran baixo a sombra do gran capo Mariscal. A min o que máis me gustou foi a primeira parte, pura prosa poética, na que o autor consegue crear unha atmosfera mariñeira engaiolante e verosímil. Pena que Malpica desapareza axiña. Cando a novela se centra máis nos feitos que nos personaxes e os seus sentimentos, diminúe a fascinación, quizais porque non nos sorprenden esas historias de mafias, violencia e drogas. Podemos lelas cada día no xornal, nas rías galegas ou en calquera outra parte. Aínda así, unha gran novela que cumpre co requisito fundamental de non aburrir nunca e turrar de ti ata a derradeira palabra.
Heladio

No hay comentarios: