NA NOSA BIBLIOTECA
03.04.2011 OQO Editora non para de sorprendernos e convídanos para que nos somerxamos nun océano inconmensurable de imaxinación. Hoxe presentamos ‘A sesta dos Enormes’ e ‘A visita dos domingos’
TEXTOS: ROMINA BAL FOTOS: OQO EDITORA. Galicia Hoxe
Burbullas de cangrexo adurmiñado, murmurios de escuma, golfiños acróbatas, sementes que deixan os soños... Un monstro que me acompaña asustando a toda a xente. Coa puntiña dos dedos tes a oportunidade de pasar as páxinas de dous marabillosos volumes.
Oqo Editora volve presentarnos novidades. A importancia de ler vese sobre todo no desenvolvemento dos cativos, na asimilación dos conceptos e inflúe de xeito positivo no seu comportamento.
En A visita dos domingos, ilustrado e escrito por Matteo Gubellini o enxeño da escrita mantén o lector durante todo o conto á espreita de como un cativo pode andar por fóra cun monstro. Incluso pensamos se non será un amigo imaxinado, ata que finalmente descubrimos que se trata dun dos piares básicos na infancia do neno, o seu papá.
Os nenos senten atracción polos personaxes fantásticos e gozan créndose protagonistas de mundos imaxinarios. A imaxinación permítelles vivir outras realidades, moi diferentes ás súas.
Este conto enxalza a importancia da implicación dos pais para potenciar e alimentar a imaxinación dos nenos, tan necesaria para a creatividade tanto de pequenos como de adultos. "O xogo entre pais e fillos, a través da ficción e da fantasía, é moi importante", igual que sentar e xogar con eles. Igualmente, podemos empregar o conto para que lles perdan o medo.
A sesta dos enormes, o outro libro que hoxe recensionamos é a delicadeza feita conto e unha invitación a soñar. O feito de que nos conten contos de pequenos, na beira da cama é para que nos somerxamos de cheo nun mar de soños que desemboca en creatividade e enxeño.
Os Enormes foron pasar o día na praia. Saltaron as ondas, fixeron castelos de area, buscaron cunchas e xogaron co papaventos. Cando chegou a hora da comida, os cinco sentaron baixo o parasol e, nun abrir e cerrar de ollos, devoraron os bocadillos. Os nenos sempre lacazanean á hora de durmir, sexan da familia dos Enormes, ou dos humanos. Ante estas situacións, un conto é o mellor aliado.
Con todo, non a todos nos atrapa a mesma historia e cómpre personalizalas e adecuar o relato ao interese de cada un. Isto é o que fai maxistralmente A sesta dos Enormes, este conto escrito por Pep Bruno e ilustrado por Natalie Pudalox. Catro historias que conflúen noutra cun extremo coidado de lingua. Un libro máis que recomendado que potencia o coñecemento dos animais do mar e que estimula o mundo marabilloso que cada cativo debe ter.
Lembrade que ler un anaquiño é moi importante a todas as idades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario