martes, 8 de marzo de 2011

‘La bambina filosófica’, un éxito en Italia

Booket acaba de publicar en castelán ‘La bambina filosófica. Anatomía de una ruina’, un libro de banda deseñada da autoría de Vanna Vinci protagonizado pola que a propia editorial denomina “a Mafalda do século XXI”, unha nena moi especial que le a Kant cando ten insomnio ou que mesmo pide un lifting como agasallo de aniversario
TEXTO: MANUEL PEREIRA

Neste primeiro libro protagonizado pola Bambina filosófica asistimos ó orixinal nacemento da nena e ós seus primeiros anos, nos que van aparecendo os personaxes que a acompañarán nas súas aventuras cotiás. A súa nai, o gorila de peluxe Lillo, o porquiño Lino ou a compañeira de clase da nena, Angelicia, vana acompañando ó longo das tiras e das páxinas completas monotemáticas –desde posibles disfraces para a Bambina ata tests de personalidade–.
A Lillo atopouno nunha tenda cando a súa nai lle ofreceu comprarlle unha boneca ou un boneco –como alternativa á tan popular Barbie– e tan logo como o viu –el soíño nun estante– decidiu que era o que realmente buscaba, converténdose deste xeito no seu compañeiro case inseparable, co que fala continuamente e que claro, sempre a escoita sen poñer mala cara nin contestarlle.
O porquiño Lino chegou á casa da nena enviado pola súa tía Cicci para converterse en salchichas, pero... resulta que sabe falar, bailar ou fregar o chan, ten unha tarxeta de visita propia e sobre todo sabe gañar axiña a confianza da xente, por esa razón acaba por ser un convidado máis na vivenda, co seu propio espazo –habilitará o rocho– que el decorará escollendo persoalmente os mobles nunha tenda de Ikea.
A Angelicia coñécea como compañeira de clase, tras pasar fugazmente por un xardín de infancia onde a súa actitude fronte ós seus compañeiros foi, podiamos dicir, cando menos incomprendida, e onde non se sentía integrada. A súa nova amiga é realmente o seu contrapunto: son efectivamente amigas pero ó tempo as súas personalidades son totalmente diferentes: mentres Angelicia é unha rapaciña ben guiada e tamén podemos considerala como unha soñadora, a Bambina é ante todo rebelde e profundamente crítica co contorno no que lle tocou vivir.
A protagonista principal deste libro fala e compórtase como unha moza máis que como unha nena no referente a moitas cuestións, interésase pola filosofía –ata o punto de que le autores coma o prusiano Inmanuel Kant, cuxos textos mesmo lle serven de remedio contra o insomnio– e está afeita a pensar sobre algunhas das grandes cuestións da vida, tanto que ás veces ata a cabeza lle bota fume e ten que refrescala.
Xa dixemos que foi comparada con Mafalda, a nena que popularizou no mundo o debuxante arxentino Quino, pero tamén con Calvin, o neno que canda o tigre de peluxe Hobbes converteu noutra estrela da banda deseñada o debuxante estadounidense Bill Watterson.
Con Mafalda comparte certamente actitudes coma o incorformismo –algo do que imos atopando mostras en moitas das tiras deste libro– e co inimitable Calvin algunhas cousas como o feito de ser un pouco traste e compartir as súas vivencias cunha mascota de peluxe, e tamén, por suposto, as queixas sobre a súa vida.
Neste primeiro libro algunhas das tiras e dos debuxos a toda páxina están inspirados directamente por frases pronunciadas por personaxes populares en distintos ámbitos. Por exemplo, o debuxo dunha das páxinas do volume está baseado na provocadora declaración da actriz estadounidense Mae West: “Cando son boa, son moi boa, pero cando son mala, son mellor”.
E velaí outra cita xurdida do xornalista e escritor satírico austríaco Karl Kraus: “Moitos queren matarme. Moitos queren pasar unha hora charlando comigo. Dos primeiros protéxeme a lei”.
Acerca da autora de La bambina filosófica. Anatomía de una ruina, hai que dicir que Vanna Vinci naceu en Cagliari no ano 1964 e que traballa no mundo dos cómics desde o ano 1990. Iilustrou libros infantís para editoriais de prestixio como Fabbri e Mondadori e colabora coa páxina cultural L’Unità. Gañou o premio Yellow Kid como mellor deseñadora no ano 1999 e actualmente vive e traballa na cidade de Boloña.
Na súa web, en www.vannavinci.it, pode verse unha ampla mostra dos seus traballos, e en concreto sobre o personaxe que constitúe o eixo do libro que estamos a falar hai unha web específica, que é www.labambinafilosofica.it, onde se poden ver algunhas tiras –en italiano– e mais poderemos atopar debuxos dos personaxes principais da obra e unha pequena descrición sobre eles e o papel que lles toca xogar dentro das aventuras da Bambina. En italiano xa se publicaron outros tres libros desta serie que agora comeza a publicar Booket.

No hay comentarios: