domingo, 28 de noviembre de 2010

Marga Alborés: "Aprender a escribir ten que ser un proceso tan natural coma falar"

O primeiro que len e escriben os nenos debe ter sentido para eles. Se non, xuntar letras, sílabas e palabras converterase nun código alleo ás súas necesidades comunicativas. Marga Alborés deu co método de aprendizaxe comprensiva  
M. J. CEBRO . SANTIAGO. Galicia Hoxe

Tras trinta anos aprendendo os nenos a ler e escribir, Marga Alborés sintetizou nun conto todos os conceptos, actitudes e destrezas que a aprendizaxe da escrita require. Historia das letras é un método para usar tanto no ámbito escolar como familiar. Como experiencia pedagóxica innovadora, foi merecedor do 1º premio do 8º certame Educacompostela que organizan Nova Escola Galega e o concello compostelán e que se entregará o vindeiro luns.

En que consiste o seu método de prendizaxe da lingua escrita?

É un proxecto de iniciación á lectoescritura en galego. Trabállanse tanto as destrezas manuais como os conceptos implícitos na estrutura da lingua. Despois de anos elaborando material que traballase todos os aspectos da lectoescritura, serviume de inspiración para organizalo nun método o conto de Kipling "Como se fixo o alfabeto", no que unha nena acorda co pai unha serie de signos para indicar a onde van e ter sempre localizados un ó outro. Así, eu organicei en oito cadernos un relato que fía as miñas 500 fichas baseado en tres nenos protagonistas que viven nun monte en Oia e, á medida que van sentindo as necesidades persoais e colectivas da comunicación escrita, pasan dun inicial código pictórico á invención doutro de transcrición fonética que lles permite expresar os nomes propios, os sentimentos... Os nenos participan do descubrimento das letras e das vantaxes que ten, como poñer os nomes, escribir notas, cartas, contos, adiviñas, todo o que é a acumulación social e cultural e a manifestación das necesidades propias.

Este médoto de aprendizaxe é de lectura comprensiva.

Desde a primeira letra e o primeiro son. As palabras, aínda que teñan unha soa letra, son expresivas. O "a" pode ser medo, dor... Na miña opinión, hai présa por que os nenos aprendan a ler, hai un afán de lucimento, tanto de pais como de profesores, e isto moitas veces leva a unha aprendizaxe mecánica consistente en xuntar letras, sílabas, palabras, sen entender o que significan. Esa présa págase logo con sancións por faltas de ortografía ou que a escrita sexa allea ós intereses dos rapaces, co cal non consideran a lectoescritura como algo propio. A introdución á técnica lectora require moito tempo e dedicación para non dar pasos en van. Xa que logo, pensei en facer este material que xuntara todos os pasos en exercicios lúdicos para atraer o neno. E podo dicir que sempre motivou o interese pola aprendizaxe e a curiosidade fonolóxica no alumnado, acadando unha lectura comprensiva e capacidade comunicativa na escrita.

Non se pode falar logo dunha idade para aprender a ler?

Penso que non. A idade de aprender a ler é de 4 a 7. Hai un tempo de maduración e ás veces invístese pouco. O neno ten que aprender sen apuro e sen facer a escrita como algo alleo a el. Trátase de que asuma a aprendizaxe da escrita coa mesma naturalidade coa que aprende a falar. E detrás das dúas cousas o que hai é un desexo de comunicación. Se o neno quere pan esfórzase por aprender a dicir ben pan para que o entendan; do mesmo xeito, o neno terá avidez de aprender a escribir se ten necesidade de comunicarse así.

É prexudicial que os pais lles aprendan a ler ós nenos, no sentido de que ofrezan unha aprendizaxe mecánica?

Non ten por que ser malo e neste material precisamente ofrézolle a calquera pai ou nai que queira ensinarlle ó fillo un material co que de xeito lúdico se traballa integramente o proceso lectoescritor comprensivo. Non ten nada que ver cos cadernos tipo Rubio. É un material co que poden compartir cos fillos xogos, manualidades, experimentos, saberes, cancións e poemas mentres axudan o fillo na iniciación á lectura.

O libro ten unha importante carga de contidos transversais.

Nesta fabulada aventura da invención das nosas letras, trabállase a identidade, o núcleo familiar, as relacións sociais, a resposta ás necesidades comúns, as diferentes formas de comunicación, as posibilidades expresivas, a creación artística, o valor das normas, a interacción co medio e a evolución dunha comunidade cultural.

No seu método a ortografía é moi importante.

Para escribir correctamente só se precisa querer facerse entender, para o cal hai que aprender o código común. Este método inclúe desde o primeiro momento as normas ortográficas como regras do xogo, unha convención entre a xente para poderse entender. Por exemplo, trátase ludicamente a acentuación con xogos para diferenciár óso de oso ou papa de papá. As normas ortográficas van sendo asimiladas como convención para entender e facerse entender. Nas actividades propostas o neno participa da creación dos signos como código acordado e vai asumindo que eses símbolos deben permanecer inalterables para ser lexibles e que as normas da escrita son as regras do xogo que posibilitan a comunicación

Prexudican neste sentido os novos códigos de sms ?

Non creo. Trátase de aforrar cartos, do mesmo xeito que nos telegramas non poñíamos os puntos porque os cobraban como palabras. Ten que haber un código común e hai que telo asimilalo para poder transgredilo. Abreviar implica que tes asumido o código. Élle máis dificil a unha persoa analfabeta facer esa síntese que escribilo ben.

O certo é que cada vez se escribe menos á man.

Hai un movemento de recuperación da escrita á man como un valor. Escribir é unha forma de expresar o pensamento e se falamos de nenos que están aprendendo conceptos, é importantísimo buscar a forma de escribilo porque ó escribir clarificamos o pensamento. Historia das letras incide tamén en que o uso da escrita faga imprescindible a man e desde o primeiro momento hai cartas e notas, nas que só ti podes dicir o que queres, transcribes a túa creación.

No hay comentarios: